martes, 22 de noviembre de 2011

O Bolimarte

O Bolimarte é algo así como unha salamanquesa; outros din que o que semella é un alacrán. Ten crista roxa, coma de galo, na cabeza. Medirá unha media cuarta e o máis do seu corpo é rabo. Pon un ovo cada sete anos, e precisamente no niño do moucho; os ovos de moucho son brancos e o do Bolimarte é mouro, pero o moucho non se decata. Cando o Bolimarte nace o primeiro que fai é xantar as crías do moucho.
O Bolimarte vese poucas veces, pero cando se ve é porque vai haber un eclipse de sol. O Bolimarte tenlle medo ás fin do mundo e nas ocasións bótase a procura da campaña do home. Para que un home o reciba na casa en vispera do eclipse total de sol, o Bolimarte dá calquera cousa, é decir dá ouro ou di onde o hai. Recibido na casa, hai que alimentalo ben:  dous pitos por día. Abonda con  desplumalos que os come crus. Un amigo qué me conta do Bolimarte, dime que sabe más dunha familia, que se fixo rica dando de comer o Bolimarte, e cama cando ten medo. O Bolimarte por enriba do corpo trae unha camiseta, entre a camiseta e o corpo, ouro en fío, este dállo a quen o serve, pero non hai que tocar o fio de ouro deica unha hora que queima.
E como di que hai ouro o Bolimarte? Moi ben! Brinca unha fiestra e desde alí cospe forte, como unha tira-bolas de estopa, onde cae o cuspe fai un pouquiño de lume. Cando chegas co ouro, o Bolimarte ponse nas patas traseiras, e asubía.





Escola de menciñeiros. - Álvaro Cunqueiro

1 comentario:

Cute Polka Dotted Pink Bow Tie Ribbon