martes, 22 de noviembre de 2011

OS CONTOS DE CUNQUEIRO

O HERDEIRO DA CHINA


- O herdeiro da China, que é un rapaciño algo curto, queríase casar, e seu pai, contra costume, deixoulle escoller muller. Amén de algo curto tiña pouca saúde, pintaba froles e paxaros, e tódalas noites, na súa cámara do pazo das Cen Veledas, soñaba que aloumiñaba limós redondos. Mandou o herdeiro que de todo o Imperio lle mandasen os retratos pintados en longas bandas de seda, das máis fermosas doncelas, e pasábase as mañáns i as seráns mirando para eles, e ningún atopaba do seu sabor, i ás noites seguía soñando que as súas mans pousábanse nun cestiño de pruma no que alguén tiña posto dous limós redondos… Chegou un correo da máis lonxana de tódalas provincias, e traguía ao señor príncipe herdeiro setenta retratos, e tódalas retratadas eran rapazas que sorrían, incrinando timidamente as xentís cabeciñas. E desenrolando o volume en que viñan as rapazas retratadas, co seu nome i a súa condición estofada ao marxe, atopouse o príncipe diante da gracia dunha neniña que ergueu pra il o rosto, abriu os verdes ollos, i as súas perfebas eran tan longas e mouras coma os pelos do pincel con que se pinta a primeira letra do nome do Dragón. Ambos miráronse longamente, i a rapariga, voltando ao acougo da pintada seda, púxose colorada. Mandou o príncipe herdeiro, fai agora once semáns, que lla trouxeran, e casou co ela, i as bodas alí fanse cunha linterna de papel pintado, i están os noivos agardando a que se consuma a veliña, e cando a linterna se apaga, a boda é feita. Regalouna o herdeiro con dúas sombrillas, un colar de pérolas, un caracol de prata e dez uñas de ouro, e cando rematadas as reverencias, quedáronse soios na cámara do pazo das Cen Veledas, o príncipe perguntoulle á esposa por que se puñera colorada na tela pintada. “El é, dixo a recén casada, que eu son ises limós redondos que as túas mans aloumiñaban na noite”. I o príncipe, que xa engordou catro libras cantonesas, cambioulle o nome á súa muller, co consello dos mandaríns, e todos puxeron por escrito naquelas súas letras tan aliñadas que a señora princesa chámase “O limón que sorrí na noite”.
A. Cunqueiro, Merlin e familia

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Cute Polka Dotted Pink Bow Tie Ribbon